As «Barferencias» continúan este venres cunha charla sobre as mámoas en Galicia
Este venres celebrarase a segunda das charlas do ciclo de «Barferencias», a cargo do Dr. Miguel Carrero Pazos, co título «Contribucións dos modelos informáticos para a análise espacial do Megalitismo galego».
O faladoiro, que terá lugar no pub-cafetaría Viceversa ás 20:30 h, comezará cunha introdución ao período Neolítico, tratando o fenómeno tumular como tema principal; isto é, a construción das mámoas no segundo período da Idade de Pedra.
O encontro continuará analizando as distintas etapas cronolóxicas que permiten identificar os tipos de monumentos construídos e a súa evolución ao longo do tempo, así como unha reconstrución das técnicas empregadas polos moradores para a construción dos megálitos.
Tras esta primeira parte, que permitirá aos asistentes achegarse ao fenómeno, analizarase a súa distribución en Galicia a través do corpus de datos do que dispón o grupo de estudo ao que pertence o relator e que, na actualidade, é o máis completo do Megalitismo galego.
O corpus, creado ao longo de anos de traballo, conta actualmente coa axuda da tecnoloxía denominada LiDAR, un novo método de prospección sobre cuxa aplicación falará o Dr. Carrero. A charla finalizará cunha referencia a unha serie de estudos cos que poderán achegarse ao uso das tecnoloxías espaciais aplicadas á arqueoloxía.
As «Barferencias» continuarán os próximos días 12 de xaneiro, 2 de febreiro e 2 de marzo de 2018, con temáticas referentes á represión franquista, a rasa costeira e a lamprea.
Tag:Barferencias, Galicia, Mámoas, Megalitismo, Neolítico, Viceversa