O Centro Cultural acolle a estrea da película amateur “Héroes del medallón”
Este sábado o Centro Cultural da Guarda acolle unha proxección moi especial, a estrea da película amateur “Héroes del medallón”, onde participan guardeses e guardesas como equipo artístico ou técnico.
Esta película rodouse en diversos puntos de Galicia, entre eles A Guarda ou Goián, e tamén en Valença do Minho (Portugal). Esta obra baséase no famoso “Conto de Nadal” de Charles Dickens, mais tómase a licencia cinematográfica para actualizala con temas como a historia, o amor ou a familia.
Trátase da película número 202 da produtora independente Boscovisión Producinema, o que resalta o seu compromiso e dedicación polo cine de proximidade e moi centrado na xuventude. Neste senso, o alcalde da Guarda destaca “é marabilloso ver como se implica a xente da Guarda, moitos deles mozos e mozas, en proxectos que apostan pola arte e tamén polo entretemento”.
A trama xira en torno a unha chamada misteriosa que recibe o grupo de amigos “Los Trotamundos”. A través dela, vivirán unha aventura única nas súas vidas, sobre o misterio dun medallón que lles axudará a ser heroes.
A estrea será este sábado 24 de maio ás 20:00h no Centro Cultural da Guarda, onde tamén acudirán o equipo artístico e técnico da película.